A terrible guerra

A guerra incivil rematou oficialmente en 1939. Cando eu andaba por Ambosores eran os anos cincuenta e sesenta. Non se falaba da guerra. Imperaba o silencio.

Falábase dos escapados como algo natural. Non eran delincuentes ou asasinos. Eran os restos dunha guerra. O único comentario que teño escoitado en Ambosores foi un conflito que houbera no Muíño da Ribeira, “cando a Guerra”, sen máis especificar, no que a porta do muíño resultara acribillada de balas. Falando con Suso Toxeiro, comprobo que estaba equivocado, que non houbo batalla no muíño, senón que o que escoitei sería lembranza do “Crime de Ambosores”, acontecido o 9 de setembro de 1948.

Eu viña informado da casa. Entre as historias que miña nai me contaba de neno estaba a do “Tío do Chao”, ao que os falanxistas das Pontes viñeran buscar á leira, e levárano detido. Era un home cultivado, que estivera na emigración e non tiña problemas económicos. Na familia correu a voz de que tiña ofrecido trescentas mil pesetas das da época para que o deixaran con vida, pero acabou enterrado en zona innobre no cemiterio da Capela, e alí segue.

Meses despois, alguén da familia escribiu a Franco contándolle a historia, e dicindo que dos dous fillos, un aínda era moi pequeno, e sóubose que o ditador respondeu enviando -sangrante sarcasmo!- para o neno, un uniforme infantil de Falange Española.


Pola zona do Sor andou Luís Trigo, O gardarríos, do que Antón Grande indicaba que andaba “en guerrilla de maquis y de amores”, e que del “los más viejos aún guardan entrañables recuerdos, y quien con su veinteañera compañera encontraría en Lourenzá muerte romántica y violenta”.

Dun maquis de Ourol fálase nunha entrevista en El Progreso (06/05/2008) a Manuel R. Mora, de Piedrabuena, Ciudad Real, que viña de publicar un libro onde falaba de “Julio”, Ramón Guerreiro Gómez, que nacera en Ourol en 1911, e faleceu en Piedrabuena en 1948, nun enfrontamento armado. O guerrilleiro ourolés dirixía a V Agrupación do Ejército Guerrillero de la Zona Central, que actuaba en La Mancha.


Conta Mora que un da banda delatara aos seus compañeiros, e cando Julio acudiu a unha casa na que daban acollida “a los de la sierra”, estaba a Garda Civil agardándoo. Despois de dicir o contrasinal, como no interior estaba a escuras, alguén lle preguntou se tiña un misto para alumar. Encendeuno, e disparáronlle, matándoo.

Na primeira posguerra foron actualidade na comarca os escapados. Polo Freixo, parroquia inmediata do concello das Pontes, andaban os Neira, que algunha vez teñen visitado a meu avó Andrés Ramil en Tras do Río. Nunca volveron pedirlle nada desde que na primeira visita souberon que un cuñado del fora asasinado no verán do comezo da guerra polos falanxistas das Pontes…

Naquela visita, Francisca, miña avoa, a súa muller, xunto cos fillos, quedou na casa mentres os “escapados” o levaron á eira. Temían o peor, pero volveron tan amigos ao saber que estaban en casa agraviada polo réxime imperante. Despedíronse recomendándolle que fóra de inmediato a As Pontes denunciar o seu paso pola aldea, para evitarlle problemas.

 

Xaquín das herbas

Aquela guerra da que non se falaba produciu efectos colaterais que só apreciamos agora a moita maior distancia.

Hai, coido, un certo paralelismo entre Xaquín das Herbas e Antón de Durán, o primeiro en As Pontes, e o segundo en Ambosores.

Xaquín das Herbas aparecera en As Pontes, sen saberse de onde viña. Vestía coa roupa que lle daban, coa que simulaba un uniforme, dise que comía herbas e vivía nunha cañota situada moi preto da ponte monumental do pobo.

Téñoo visto, sendo eu moi pequeno (tiña eu trece anos cando el morreu), na feira de As Pontes. Na actualidade, a súa lembranza segue viva no vello cemiterio de As Pontes, nas Campeiras, onde unha tumba o recorda.


Avivoume a lembranza de Xaquín das Herbas a publicación por Marta Mancebo en El Progreso o 12 de marzo de 2017, sobre “El enigmático personaje pontés”.


 

Antón de Durán

Tamén coñecín a Antón de Durán en Ambosores. Deste sabíase que estaba tolo, ou iso se dicía, de resultas da súa participación na guerra civil, da que quedara fatalmente aqueixado.

Vivía no monte, entre o núcleo de Ambosores e o seu Baroso natal, preto da Veira da Fraga, alimentándose Deus sabe de que… Quizais axudado pola súa familia. Polas festas da Ascensión viña á festa, sempre en silencio, sempre vestido cun pixama a raias e cuns fentos asomando pola petrina do pantalón.

Tiña aspecto bondadoso, contemplativo, non se metía con ninguén e ninguén se metía con el. Era un veciño que vivía unha situación especial, e todos mantiñan unha distancia respectuosa para un home que optara por vivir dun xeito diferente.

Foi en 1987 cando La Voz de Galicia, na súa edición da Mariña, se fixo eco da existencia de Manuel Durán nunha reportaxe de Javier Lorenzo publicada o 13 de febreiro de 1987.


E días despois, o 22 de febreiro, unha nota na mesma edición de La Voz indicaba que a raíz da publicación da reportaxe foron numerosas as visitas recibidas por Manuel, especialmente por reporteiros dos medios informativos. Destacaba a visita do entón deputado Cesar Aja Mariño, de Viveiro, que acudira a velo para interesarse pola súa situación.


Os restos de Manuel Durán repousan no cemiterio de Ambosores, no panteón familiar. Faleceu o 8 de outubro de 1991, aos 77 anos, como consta na placa de difícil lectura que reproducimos a continuación.

 

As pegadas da guerra

A máis importante pegada da guerra nas terras de Ambosores foi a morte de dúas persoas o día 9 de setembro de 1948, o día despois da romaría de Nosa Señora da Pena de Francia, moi preto, xa nas terras do Freixo. A historia deuse a coñecer moi recentemente con certa claridade, pero consérvase fielmente na memoria colectiva dos ambosoreños vivos, coñecéndose na actualidade como “O crime de Ambosores”.

No meu tempo ambosoreño non se falaba destas cousas, polo menos diante dos nenos. E arredor do lume, nas longas noites, podíase falar do divino e máis do humano, pero non se trataban temas espiñosos, que seguían doendo -por algo non se falaba deles- e aínda era perigoso facer comentarios que puidesen chegar onde non conviña.

Supoño que o que teño escoitado dunha batalla cos fuxidos no muíño da Ribeira non era máis ca un descoido de alguén que lembrou o acontecemento máis doloroso da posguerra en Ambosores.

 

O Crime de Ambosores

Cando preguntei polo crime que ocorrera en Ambosores, xa moi avanzada a posguerra, todas as informacións apuntaban nunha mesma dirección: quen verdadeiramente sabía do tema era Bernardo Penabade, profesor, nado en Mañón, con destacada actividade no eido da lingua e da historia, ademais de amigo. Bernardo, na actualidade xubilado, exerceu os seus últimos anos de profesor en activo no Instituto Perdouro de Burela.

O profesor Penabade, presidente do colectivo Nordés na súa terra natal, ten organizado diversas actividades relacionadas coa memoria histórica, e nas xornadas celebradas aparecía como elemento esencial unha visita á casa da Ribeira (Ambosores) onde se perpetrara o crime.


E o profesor Penabade, amigo, fíxome entrega xa hai tempo dun par de fotocopias que recollen a versión oficial de “O Crime de Ambosores”, que el conseguiu en instancias oficiais e que foron o punto de partida do seu traballo de investigación e divulgación deste anaco descoñecido da nosa historia. Repasemos o que se di neste documento oficial, que nos adentra na historia, nos feitos que se relatan desta historia:


 

O acontecido en Ambosores o 9 de setembro de 1948

DON FRANCISCO GÓMEZ ÁLVAREZ, Comandante de Artillería, Instructor de la presente causa, en cumplimiento a lo preceptuado en el artículo 924 del Código de Justicia Militar, a V. E. tiene el honor de exponer:

Se instruyó esta causa en virtud de orden del Excmo. Sr. General Gobernador militar de esta plaza, (folio 1) como consecuencia de atentado instruido por el Capitán de la Guardia Civil de Ortigueira (folios 2 al 8), en el que consta: Que a las dieciocho horas del día nueve de septiembre del corriente año, un grupo de fuerzas de la Guardia Civil compuesto del Cabo primero ALEJANDRO MORAGA ORTEGA, y guardias segundos Avelino Díaz Pérez y José López Bello, salieron de servicio de vigilancia y al llegar a Ambo-sores, entraron a recoger la presentación en el mismo, y hallándose en la cocina en unión del dueño de la casa, JESÚS LÓPEZ BOUZA, la esposa de este y el criado de la  casa se presentó inopinadamente a la puerta que da acceso a la cocina un sujeto desconocido con una linterna eléctrica en la mano y al que solo pudo divisar la cara, a la vez que decía quien hay aquí encendiendo acto seguido la linterna, momento en el cual se dieron cuenta se trataba de un forajido, aprestándose a la defensa el cabo empuñando rápidamente la pistola reglamentaria e hizo fuego sobre él agotando los ocho cartuchos que tenía el cargador, siendo contestado por el bandolero también varios disparos de pistola, saliendo inmediatamente al exterior cerrando la puerta que acto seguido, y presumiendo el Cabo que eran varios, se aprestó a la defensa, colocando uno de los Guardias en la ventana de la cocina y el otro guardando la puerta que por uno de los laterales da acceso a la casa y el que depone custodiando la puerta principal, disponiendo acto seguido al ver que el criado de la casa JOSÉ DURÁN SOUTO, que en unión de los dueños y la fuerza se encontraba en la cocina había resultado muerto a consecuencia de los disparos hechos por el bandolero, subiera el resto de los familiares al piso superior, como así lo verificaron; que una vez transcurridas dos horas aproximadamente, como los disparos y explosiones se sucedían a intervalos, el cabo mandó llamar al dueño de la casa, JOSÉ LÓPEZ BOUZA, el que una vez bajó a la planta baja, fue preguntado por el cabo si había alguna puerta más que las consignadas en la casa, para proceder a su custodia, a lo que el dueño contestó en sentido negativo, separándose de él e ignorando si volvió a subir al piso superior o donde marchó, pues como se carece de fluido eléctrico y el farol había sido apagado, se hallaban totalmente a oscuras, siguiéndose oyendo disparos sueltos hasta las dos de la madrugada aproximadamente, siendo igualmente contestados por la fuerza cada vez que veían el resplandor del fogonazo; que en la forma que en los primeros momentos hacían fuego los bandoleros que eran varios y que por lo menos disponían de cuatro o seis armas automáticas y de bombas de mano por las explosiones que se oían; que al rayar el día y reconocer los alrededores, vieron con sorpresa que a unos treinta metros aproximadamente del lugar del suceso se encontraba tendido en tierra el dueño de la casa JESÚS LÓPEZ BOUZA, el que presentaba un gran orificio en la parte occipital con salida de masa encefálica, al parecer producido por algún fragmento de bomba o tiro de fusil hecho a boca de jarro, observando también en distintos puntos y alrededores del edificio la existencia de tres bombas de mano abandonadas, varias cápsulas de fusil disparadas y abandonado sobre el camino un capote, dos gabardinas y una boina negra con una estrella de cinco puntas encarnada, a unos cincuenta metros del lugar de la ocurrencia manchas de sangre, por lo que se presume que algún bandolero fuese herido, dando inmediata cuenta por medio de un propio a la cabecera de linea de todo lo acaecido, dedicándose a batir montes y fragas inmediatas, para lograr contacto con los bandoleros, sin que estas dieran resultado, ignorando la dirección que hayan podido tomar. No aporta el Cabo dato alguno que sirva para dar claridad al hecho de ser asesinado el dueño de la casa JESÚS LÓPEZ BOUZA.

Interrogada la esposa del asesinado JOSÉ LÓPEZ BOUZA, dice: que sobre las veintidós horas del día nueve de diciembre del corriente año, y hallándose en la cocina en compañía de su esposo, y criado de la misma y los Guardias, apareció a la puerta de la cocina un sujeto desconocido para ella, con una linterna eléctrica en la mano, preguntando quien es esta gente oyendo a continuación varios disparos que hizo el Cabo de la Guardia Civil, a la vez que al propio tiempo lo hacía el desconocido, viendo caer en aquel momento herido al criado de la casa, el que falleció a los pocos momentos, y cesado el fuego momentáneamente después de retirarse el malhechor al exterior, la que depone y en compañía de su fallecido esposo subieron al piso superior por habérselo ordenado así el Cabo, y una vez ya en él y a los pocos momentos bajó nuevamente su esposo a la cocina al ser llamado por la Guardia Civil, acostándose la que depone por encontrarse enferma, motivo por el cual llamó repetidas veces a su esposo para que le hiciera compañía, oyendo preguntar en la cocina sin poder precisar quien, suponiendo que fuera la Guardia Civil, que donde se encontraba el dueño de la casa, oyendo a otro que le contestaba que había salido, enterándose aldía siguiente que había sido encontrado muerto en el camino que da frente a la casa.

Al folio 4 vuelto y cinco, presta declaración ante la Guardia Civil, los convecinos de las víctimas, FRANCISCO DURÁN MONTESINOS y JUAN SIERRA REY, quienes no aportan dato alguno que sirva para mayor esclarecimiento de los hechos, oyendo tan solo los disparos y explosiones, no saliendo al exterior por temor a que les ocurriera algo, enterándose por tanto cuando ya era de día de lo ocurrido.

Al folio 5, obra una diligencia, en la que consta haberse enterado el Instructor de que los bandoleros momentos antes de lo ocurrido, habían estado cenado en la casa de María Cao Sierra, sito a unos doscientos cincuenta metros del lugar del hecho. Siendo interrogada a continuación, la que dice: que ya anochecido y sin poder precisar la hora, se presentaron en la cocina un grupo de ocho o diez bandoleros armados, pidiéndole de cenar, contestándole que no tenía nada más que un poco de caldo para cenar la familia, dedicándose los bandoleros a levantar todas las tapas de los pucheros sin encontrar nada de comida, ausentándose inmediatamente, ignorando quienes eran, pues como había poca luz no pudo reconocer a ninguno, e ignorando que dirección hayan podido tomar.

A los folios 6,7 y ocho, prestan declaración la fuerza, manifestando los hechos ocurridos como quedan expuestos anteriormente.

Al folio 9 vuelto, presta declaración ante este Juzgado, después de afirmarse y ratificarse en el atestado, el Capitán de la Guardia Civil DON RAMÓN MORENO AYAPE, el que dice: Que tanto JESÚS LÓPEZ BOUZA, como su mujer, eran personas de orden y las personas de más confianza en los contornos. Que no puede explicar la muerte de JESÚS LÓPEZ BOUZA, pues no obstante las gestiones realizadas, y declaraciones de la fuerza, es un punto que ha quedado muy oscuro y sin forma alguna de esclarecerlo, desde el momento que los que intervinieron en la refriega, niegan haberlo visto salir de la casa. Que no cree hubo cobardía por parte de la fuerza, toda vez que a su juicio se ve que la fuerza fue sorprendida y que repelió la agresión rápidamente y como y como el bandolero saliera rápidamente para el exterior y se oyeran seguidamente disparos y explosiones de bombas de mano, hubiera sido una temeridad el lanzarse fuera de la casa la fuerza, toda vez que los bandoleros parapetados en el monte que rodea la casa y amparados en la oscuridad de la noche no hubiera defensa alguna para la fuerza y los moradores de la casa se habrían visto sin protección, pero si aprecia que hubo falta de precaución por el Cabo que mandaba la fuerza al no establecer previamente la debida vigilancia en el exterior cuando entrara a recoger la presentación en la papeleta  de servicio, y de este modo es probable que en vez de ser la fuerza la sorprendida lo fueran los bandoleros.

Al folio 1º y vuelto, prestando declaaración ante este juzgado la viuda DOÑA MARÍA PIÑÓN FERNÁNDEZ, la que después de afirmarse y ratificarse en la prestada ante la Guardia Civil, dice: Que no sabe los motivos que pudieran tener los bandoleros Pra asesinar a su esposo y que nunca habían sido amenazados por ellos. Que ignora por qué salió su marido a la calle o quien le dió la orden de efectuarlo pues según manifiesta ya en su anterior declaración, o sea que entre los guardias y a preguntas de la que depone le dijeron que su marido había salido, que no sabe de quien procedió la voz del que mandó bajar a su marido del piso en que estaba con la deponente”.


Bernardo Máiz, en “Resistencia, guerrilla e represión. Causas e Consellos de Guerra, Ferrol, 1936-1953”, reseña a CAUSA 478/48 POR AGRESIÓN A FORZA ARMADA E DÚAS MORTES (MAÑÓN), coa seguinte información:

A Garda Civil de Ortigueira desenvolveu na noite do 9 de setembro de 1948 unha operación no lugar de Ambosores, Mañón, cercando unha casa na que, por unha confidencia, sabían que había un grupo de guerrilleiros pernoctando. En circunstancias que o auto non describe houbo un tiroteo entre os Gardas e os da vivenda, morrendo no interior desta Jesús López Bouza, de 55 anos, propietario da casa, e o seu criado José Durán Souto, dedúcese que polos disparos dos gardas. Os guerrilleiros conseguiron fuxir, deixando polo camiño unha boina negra cunha estrela vermella de cinco puntas. Creron recoñecer a Vicente Pena Tarrasa e Leonardo Gómez Pérez. Sobreseron.


Visitando Ambosores

Queríamos visitar Ambosores acompañados do mellor coñecedor do acontecido naquel día de setembro de 1948, e o momento foi o xoves, 31 de outubro de 2024, setenta e seis anos despois da traxedia.


De Lugo íamos Antonio Giz e Xulio Xiz; de Ferrol, o sociólogo Manuel Rivero; desde Cervo, o profesor Bernardo Penabade, e en Ambosores estaban Suso Toxeiro, que vive entre Ambosores e Viveiro, e o matrimonio formado por Otilia Vilaboy e José Antonio Pernas; el nado en A Pena do Mouriscón, e ela en Muras, que volveron na pandemia vivir en Ambosores. José Antonio é fillo de Lino Pernas Penabad, que en tempos foi o último residente en Ambosores.

Mentras nos concentrabamos no medio da capital da parroquia chamounos a atención o paso incesante de vehículos, nunha parroquia practicamente baleira, informándosenos que ese era o ambiente habitual, xa fose por suministros, prestación de servicios, atención dos Eólicos… decíndonos os amigos residentes que antes de cruzar a estrada tiñan bo cuidado de comprobar que non viñese ningún coche.

Penabade levounos polo itinerario preciso para ter cabal idea da trascendencia e a vixencia real do acontecido naquel tráximo suceso.


O primeiro paso nesta viaxe foi diante da entrada do cemiterio de Ambosores, xunto ao cruceiro alí situado, traído desde as inmediacións da igrexa parroquial ata este lugar na reforma efectuada a comezo dos anos sesenta.

Alí nos explicou as cinco razóns ou elementos aos que tiñamos que prestar atención para mellor comprender o acontecido: a natureza vizosa que abrolla naquelas beiras do Sor, na Ribeira; dous fitos no cemiterio; a igrexa parroquial, e a casa na Ribeira onde morreron Jesús López Bouza e José Durán Souto.

 

No cemiterio de Ambosores

Entramos no cemiterio, e imos ao fondo, mesmo á beira do lugar onde se colocaban os féretros antes de ser soterrados, e móstranos un camelio que brota da terra.        


Alí debaixo dormen o seu soño eterno Jesús e José. Non é, supoño, a mesma árbore que hai setenta e seis anos plantaron ou naceu espontaneamente sobre a tumba. Pero sábese que unha planta, unha árbore, marcou sempre esta situación, hoxe na práctica esquecida polo decurso do tempo, que fai esquecer case todo.

Lembra Penabade que o enterro dos dous mortos do luctuoso acontecemento foi multitudinario, en parte porque o pobo se sumou á manifestación de dór, e en parte, moi importante, tamén porque a Garda Civil dispuxo que toda a vecindade acudise ao velatorio e sepelio para deixar claro que as mortes foran producidos polos “escapados”, “fuxidos”, ou “os do monte”, continuadores da loita da Guerra Civil a prol da República, que as forzas do Réxime combatían con saña, con frecuentes combates, que só remataron xa nos anos sesenta coa desaparición dos últimos guerrilleiros.                


Detrás da pequena árbore que marca a situación da tumba de Jesús López Bouza e José Durán Souto descubrimos unha lápida que as follas ocultaban. Está adosada ao muro de peche do cemiterio, e lembra a Jesús López Bouza, do que Bernardo Penabade nos informa que non era un labrador ao uso, senón que era un ebanista de prestixio. Por iso, na casa, para axudar nas tareas da terra tiña un axudante, un veciño, de moi numerosa familia, que foi o primeiro en morrer no luctuoso suceso.    

 

Xuntos para sempre en Ambosores

Cando pensabamos ter cumprida a parte da visita ao cemiterio para lembrar aos dous asasinados no Crime de Ambosores, Penabade levounos á ampliación do Cemiterio feita hai agora arredor de medio século.    


Como o cemiterio se fixera pequeño para unha parroquia tan grande, na que os nacementos podían inscribirse nun dos catro concellos con territorio ambosoreño pero os enterros se facían todos neste cemiterio, houbo que amplialo cunha fileira de nichos paralela á primeira. A esa ampliación, ao extremo esquerdo, levounos Penabade sinalándonos dúas columnas de nichos parellos.

No da esquerda, arriba, figura a inscrición “Hijos de Jesús López Bouza”. O da dereita é da familia Durán, de Baroso. Nin Jesús López Bouza descansa na columna de nichos dos seus fillos, nin José Durán Souto na da familia Durán.                        


No da esquerda está enterrado o fillo de Jesús López Bouza, César López Piñón, falecido o 13 de xuño de 2017, aos 70 anos. Nacera o 12 de outubro de 1946. Tiña, xa que logo, algo menos de dous anos cando aconteceu o “Crime de Ambosores”.        


No da dereita están sepultados os irmáns de José Durán, Vicente e Manuel. Manuel Durán, como antes indicamos, morreu en 1991, o 8 de outubro, aos 77 anos. Vicente morreu con 78 anos, o 2 de febreiro de 1999. O curioso é que no atestado da Garda Civil, José Durán aparece como “Souto” de segundo apelido, mentras que seus irmáns aparecen co segundo apelido “Soto”.

Casualidade ou causalidade, os que xuntos morreron, xuntos descansan nunha tumba cunha placa na que só o dono da casa aparece mencionado, e os seus achegados descansan en columnas de nichos parellos, construídos arredor dun cuarto de século despois das súas mortes.

 

Na igrexa de Santa María de Ambosores

Levounos o profesor Penabade, de seguido, á igrexa parroquial, da que Otilia e José Antonio teñen a chave, seguro que desde o tempo en que Lino Pernas Penabade era o único residente fixo no núcleo da Igrexa, en Ambosores.                    


Ensinounos os traballos en madeira dos retablos, dos púlpitos, e especialmente o traballo, no que nunca me tivera fixado, do coro. Falamos de que quizais algún retablo ou detalle destes puidese proceder dunha capela que houbera naquel lugar antes da erección da igrexa, de que os deseños de imaxes serían dun artista viveirense, pero centrouse no traballo do coro para aclararnos que era obra de Jesús López Bouza.


Informounos de que López Bouza estivera na emigración sudamericana, e que ao volver a Ambosores traballara como ebanista, realizando traballos destacados, entre os que estaba o coro da igrexa parroquial.

 

Na casa de A Ribeira

Faltábanos por acudir á casa onde se perpetrou o Crime, un lugar e un feito que hoxe se coñecen porque Bernardo Penabade dedicou importante esforzo en coñecer e difundir. 
    
Bernardo é un apaixoado da súa terra natal de Mañón, da historia, do idioma, do país… E cando participou nunha publicación dun veciño, houbo quen lle reprochou que nese libro non se dixese nada do Crime. Penabade investigou e atopou, entendeu, seguiu investigando, publicando, organizando xornadas sobre as loitas da posguerra na comarca, e dentro delas, viaxes desde As Grañas a Ambosores para visitar a casa da traxedia.
    
Aló fomos Penabade, Manuel Rivero, Antonio e máis eu. Era na Ribeira, no Ambosores que pertence ao Concello de Mañón. Eu sabía da Ribeira de Ourol -creo-, que está á beira dereita do río, onde meus tíos levaban as vacas a pacer, e segaban no verán a herba para ter herba seca no inverno.
    
Cruzamos o brazo do Sor que vén das terras do Freixo, o lugar máis doado para asomarse ao río pola estrada que o cruza, pero nesta ocasión paramos para que Penabade nos informase de onde estaba o posible paso empedrado romano que se ten publicado que cruza diagonalmente o río, ao estilo seica do que os romanos adoitaban.            


Temos que volver, porque este día non foi posible acceder. Chovera varios días, estaba todo enlamado e cheo de herbas, silvas, toxos… Quedamos en volver con mellor tempo, e Penabade prometeu vir armado cun fouciño para abrir camiño doado cara ese paso empedrado para cruzar o río.

Nesta viaxe complicóusenos o camiñar, porque nas cercanías estaban cortando árbores, trasladándoos aos camións, o camiño habitual estaba cortado, e as beiras da estrada levantadas. Menos mal que Penabade coñece o terreo, sabe de todos os atallos, e cruzando por sendeiros de pescadores cruzamos por unha ponte que parece imposible que soporte o paso dunha persoa. Penabade dixit: "Hai que pisar no medio, sobre unha pedra, para que non teñamos problema". Obedecemos, alí chegamos, e por alí volvemos. E aquí estamos.


A casa está a uns trescentos metros do pontigo, unha vez pasado o lugar onde dous brazos do Sor se unen para reforzar o río que ven de Tras da Serra.

Imos por un camiño de a pé, en bastante bo estado, e de repente atopamos a casa. Non é a ruína que podíamos agardar, porque non está abandoada, senón que non hai moito tempo que deixou de estar habitada.


Penabade coñeceu ao fillo do propietario falecido, César López Piñón, que viviu naquela casa, e se ben ao comezo non quería saber do asunto, Penabade foi conseguindo a confianza deste home, chegando a abrir as portas para que os participantes nunha visita ao lugar accedesen ao interior. Mágoa que César falleceu o 12 de maio de 2017, e repousa no xa indicado nicho no cemiterio de Ambosores.

Recorremos os arredores da casa. Era unha boa casa labrega, agora pechada, que á beira tiña un cabano con baixo que dá fronte á casa, e primeiro piso que para a parte de atrás queda ao ras do chan. No seu interior, envellecen carros, huchas, mobles…    


Moi preto, o hórreo é o mellor exemplo de abandono. No alto, o seu esqueleto de madeira está agardando por un soplo forte de vento para deixarse caer.


A Casa foi unha gran casa que aínda ostenta na porta unha placa co número 2, ten un longo balcón con corredor, e é a viva imaxe dun lugar que foi habitado e a natureza está recuperando.            


Faltábanos aínda unha última sorpresa: Bernardo Penabade lévanos, a uns metros da  casa, a contemplar a placa en forma de cruz que se colocou en lembranza do feito luctuoso, lembrando tan só ao propietario da casa.


“D.E.P. JESÚS LÓPEZ BOUZA, que falleció 9 septiembre 1948 EDAD 50 AÑOS”.

Reina no lugar unha tranquilidade de tempo conxelado, sensación de abandono, lugar mancillado… Non moi lonxe soaba o canto das motoserras tirando árbores sen descanso… Os paxaros dominaban o lugar. A nós, dominábanos un arrepío extraño, de outro tempo, nun ambiente tráxico, sen dúbida, creado polo impacto do sucedido había tres cuartos de século.                                        


Volvemos. Parámonos a ollar onde dúas correntes de auga conforman lentamente un río Sor que naceu en Tras da Serra e se prepara para xuntarse ao seu xemelgo para facerse grande e avanzar firmemente ao seu destino.


Quedábanos camiño e visitas, sempre da man de Bernardo Penabade, pero o ambiente cambiou ben cando abandoamos o lugar da traxedia, rematando a xornada -como tiña visto que ocorría coas visitas de memoria histórica patroneadas por Bernardo- cun xeitoso xantar do grupo de amigos en Casa Urbano, nas terras de Mañón.


 

Guerrilleiros en Muras e Ourol

Como peche deste apartado, do libro "Botarse ao monte", de F. X. Redondo Abal (O Castro, 2006), obtemos datos dos guerrilleiros nados en Muras e Ourol, ou que tiveron actividade na comarca.


Ourol e Muras comparten a Benedicto Escourido Cobo. No Concello de Ourol, José Castro Veiga, Leonardo Gómez Pérez, José Tembras Paz, Luís Trigo Chao, José Vázquez Gómez e Ramón Viveiro Geada. En Muras, irmáns Gallego Abeledo, José Pedreira de La Iglesia e Juan Pérez Dopico.

Reproducimos a información que destes guerrilleiros dá Redondo Abal, polo ilustrador que resulta para apreciar a repercusión nesta comarca dos enfrontamentos guerreiros despois de rematada oficialmente a guerra civil.

Bernardo Máiz sinala que un caso aparte foi “o de Neira, que fora artellando un grupo duns trinta homes e unha ampla rede de enlaces, refuxios e actuacións nos concellos que van de Viveiro a A Coruña”, e aínda que Redondo Abal non inclúe nesta zona a José Neira Fernández, reproducimos a información que publica sobre a cabeza visible do Grupo Neira, que tivo presencia e accións nesta comarca.


Como último apunte sobre “Os do monte”, recollo o publicado polo crego e historiador Enrique Chao Espina no seu libro “Historia de Vivero” (Ediciós do Castro, 1988), onde di sobre os “escapados ao monte”, que “mellor poderiamos cualificalos de perseguidos. Entre eles habíaos de moi diversa índole, e darían tema para unha impresionante novela. A Viveiro viñan disfrazados e utilizaban os seus enlaces. De min sei dicir que os vin e xamais me molestaron, a pesar de que unha noite durmín nunha habitación contigua ao lado dun deles disfrazado de vella. Ao amencer fíxenlle saber que o descubrira, e que era un home. Desapareceu do pobo e non volvín saber del, se ben despois rumoreouse que o mataran. Eu non o denunciei, e daquela salvouse”.