A escola. As escolas

O edificio da que foi Escola Mixta de Ambosores loce no seu frontispicio a identificación “Escuela Nacional”, o ano (1924) e a entidade promotora: “Vivero y su comarca”.

O centenario da súa creación pasou sen pena nin gloria. Como escola morreu hai moito tempo, e desde hai uns anos é o centro social parroquial, despois da rehabilitación efectuada polo Concello de Ourol.

O edificio da Escola de Ambosores na actualidade

A escola de Ambosores

A asociación “Vivero y su comarca”, radicada na Habana, traballou de xeito intenso e incansable porque todas as parroquias da bisbarra viveirense tivesen un edificio escolar. Fundada en 1910, abarcaba a comarca formada por Muras, Ourol, Riobarba, Xove, Cervo e Viveiro, e xa en 1912 buscaba os lugares “máis céntricos e convenientes”, para situar escolas. E no caso de Ambosores, elixiuse o “burgo de la iglesia”.

E como se ve que a solución tardaba en chegar, coñeceuse a finais de 1922 que un veciño de Ambosores, Vicente Durán, xa que a escola estaba nun local impropio, ofreceu 10.000 pesetas para que o Concello puidese facer fronte ás súas obrigas e colaborar deste xeito con “Vivero y su comarca” na erección da escola.

Como non dei falado con Lino Dapena, o que en tempos foi o derradeiro habitante da capital de Ambosores, non poderei saber se este Vicente Durán é o mesmo que eu coñecín ben pequeno e el ben maior, que tiña parentesco con Lino. Era, a comezo dos anos sesenta, un dos irmáns Durán, home e muller, que vivían case fronte do magnífico edificio escolar ambosoreño.

Na casa dos meus tíos, Esther e José, traballábase da “Leira da Escola”, que estaba á beira do edificio escolar, unha das mellores da súa propiedade. De feito a escola estaba construída nun solar que se aprecia formaba parte desta leira.

A finca, de tamaño respectable, daba ao camiño que logo chegou a ser estrada, e no ostensible recorte construíuse aquel edificio por parte dos “Hijos de Vivero y su comarca”, como tantas outros promovidos polos indianos destas terras, preocupados pola promoción cultural e educativa das xentes que elixiron non emigrar, ou pensando en futuros emigrantes aos que había que dotar das necesarias ferramentas.

O edificio, axustado á imaxe xeral destas edificacións, foi erixido a comezos do século XX (1924), e tiña na planta baixa o local da escola mixta, e na parte de arriba, a vivenda da mestra. Podería ser de mestre, pero eu sempre lembro alí mestras, sendo dona Carmen Lomas a que máis tempo estivo rexendo a Escola de Ambosores na miña nenez.

Daquela os mestres (os funcionarios en xeral), por obrigación legal e por imposibilidade física de facelo doutro xeito, vivían no lugar onde tiñan o posto de traballo… E aquí viviron as mestras que tiñan na súa escola, nos bos tempos da poboación na parroquia, máis de medio cento de rapaces de todas as idades. Ata eu fun a esta escola uns días porque un ano que me fun para alí mais cedo do habitual, a mestra invitou a meus tíos a que me mandaran alí para aproveitar o tempo. E alí fun, acompañado de Jaime, o veciño, fillo de Vitorina e Vicente, uns anos maior ca min, que exercía unha natural tutela.

Cando estiven na escola, a gran sala estaba ateigada de alumnos e alumnas que alí acudían desde calquera punto da parroquia. Daquela a parroquia estaba moi poboada, e as familias tiñan moitos nenos. E como todos traballaban desde moi cedo, cantos máis fillos había nunha casa, máis potente era esta.

As Escolas de Indianos foron “Luces de alén mar”

José Luis Moar Rivera, en El Heraldo de Vivero, comenta que “desde 1910, se inician as obras das escolas, e na fachada de todas elas, quedaba reflectido o nome da sociedade e o ano de inauguración”. E engade (Heraldo de Vivero, 02/11/2014) que desde ese ano cada membro da Sociedade de Instrucción Vivero y su comarca aportaba diñeiro segundo as súas posibilidades.

A primeira referencia á Asociación, en canto ao Concello de Ourol, aparece nunha acta de outubro de 1912, na que se indica que desexando coñecer a sociedade o punto máis céntrico e conveniente para construír as escolas, o Concello sinala para a de Ambosores o Burgo da Igrexa, e O Vilariño para a do Sixto.

Todas estas escolas son coñecidas popularmente como “Escolas de Indianos”, galegos emigrantes en América preocupados pola educación das novas xeracións, para que non tivesen as mesmas dificultades que eles sufriran. Conseguiron ter un papel esencial na formación dos ambosoreños e protagonizaron unha auténtica revolución cultural e social.

Emilio Xosé Insua, no semanario El Heraldo de Vivero (28/05/2010), cita a Vicente Otero Cao como activista, publicando notas de “Vivero y su comarca” na revista “Vivero en Cuba”, da que era redactor. Mágoa non ter conversado nunca con Otero Cao, ao que teño visto en Vilalba, na porta do seu comercio, ao lado do Casino. Era eu demasiado novo para saber do seu pasado na emigración americana.

Tamén no Heraldo, lembra Insua a Otero como “un dos valedores máis destacados da sociedade Vivero y su comarca que os nosos emigrantes crearon en Cuba”. Precisamente Otero mandou ao Heraldo crónicas sobre a actualidade daquela asociación, entre as que destaca unha na que informa da festa que celebraron os seus compoñentes no Palatino en setembro de 1915.

Festa de “Vivero y su comarca” no Palatino

Chama atención o menú polas referencias xeográficas da terra:

  • Entremeses: Jamón de San Pantaleón, mortadela de Cabanas, queso de Balsa, aceitunas de Penas Agudas, rábanos de Pena Ventosa.

  • Entradas: Arroz con pollo de Cillero, pescado minuta de Ambosores, ensalada de Muras, filete de Viveiró con legumbres de San Andrés.

  • Postres: Peras de Riobarba, melocotones de Orol, vino de Mesón de Blanco, tabacos de la gran fábrica de Vivero, Café de Bravos, lager de Palatino.

A festa, no Heraldo

En 1925 “Vivero y su comarca” tiña promovidas xa 45 escolas, das que 17 estaban incardinadas en grupos escolares, e as restantes en edificios cedidos ou alugados. Por este labor cultural, a Asociación foi condecorada coa Orde Civil de Beneficencia de 1ª clase.

E no Heraldo (25/12/2009) comprobamos que en 1928 se fundou en Viveiro unha sucursal ou delegación da sociedade “Vivero y su comarca”, do que deu conta El Correo de Galicia, de Buenos Aires, na súa edición do 14 de outubro.    

Delegación en Viveiro

Participaron no acto destacados persoeiros da sociedade viveirense, que “representaba a identidade territorial histórica de Viveiro e a súa comarca”, entre os que estaba Tomás Ramos Riguera, en representación do concello de Ourol.

En 1930, en “Escuelas de España”, informábase do investimento en escolas por parte dos residentes do norte lucense na República de Cuba: “han invertido 537.651,37 pesetas en la construcción de escuelas en Fornos, Borra, Outeiro, Vilar, Ansá, Carelle, Belsar, Silán, Ruanueva, Irijoa, Belmonte, Ambosores, Chavín, Troya, Ribera de Baamonde y Juanceda, todas en la comarca de Vivero y siempre creadas a su instancia”.

Escuelas de España, 1930

En 1932 Manuel Amor Meilán, na Xeografía de Galicia de Carreras Candí, recolle -datos de 1928- que “últimamente aún fueron establecidas las escuelas de niños y niñas de Miñotos y Belsar, y las mixtas de Cerdeiras, Ambosores, Borra, Juanceda y Nogueira, con lo cual bien puede afirmarse que el municipio de Orol está bien servido en este respecto”.

Neste mesmo ano de 1932, nun documento falase das escolas “establecidas hace más de catorce años”, entre as que estaba a de Ambosores, queixándose de que no presuposto daquel ano non figurase cantidade algunha para reparacións, renda ou aluguer dos edificios, desde había máis de catorce anos. E tamén Ambosores se menciona moito despois, en 1961, cando Tomás Ramos Riguera se dirixía ao Concello indicando que “desde hace más de cuarenta años viene encargándose de la reparación de los edificios escolares de Merille, Gerdiz, San Pantaleón y Ambosores, este ultimo con vivienda”, polo que percibía do concello 700 pts. ao ano, solicitando que se aumentase esta cifra a 1.500 para poder facerlle fronte aos gastos de mantemento.

Portada de "Vivero en Cuba"

A sociedade “Vivero y su comarca” desapareceu cando Fidel Castro toma o poder en Cuba. O 12/03/1966 Tomás Ramos Riguera, no nome de “Vivero y su comarca”, xa disolta polo goberno de Fidel, delega no concello de Ourol as súas facultades en relación cos edificios que radican no termo municipal. Considera Ramos Riguera que o Concello está obrigado por deber moral a facerse cargo destes bens, porque así daría resposta ao sacrificio e axuda desinteresada que esta sociedade lles prestou.

O edificio da escola en 1972, nunha foto do Catastro

Descoñecemos moitos dos nomes dos e das responsables da educación na escola de Ambosores. Algúns aparecen en disposicións publicadas nos medios pola autoridade educativa, como é o caso da publicación na Gaceta do 08/09/1928, na que S. M. El Rey nomea a Antonio Magariños Granda, mestre da escola de Ambosores, para igual posto en Cambados (Pontevedra).

No xornal La Voz de Galicia do 06/07/1946 aparece a escola mixta de Ambosores como unha das vacantes para mestras que quedaran desertas dentro do correspondente Concurso de Traslados, pero dous meses despois (11/09/1946), ao comezo do curso escolar, por non terlle correspondido ningunha das vacantes solicitadas, noméase a María Bazarra Sánchez, de Mandayo (A Coruña), opositora de 1945, para a Escola de Ambosores.

En La Voz do 21/07/1966 publícase a confirmación como mestra de Ambosores de María Carmen Josefa García Díaz, e en diversos medios aparecen outros nomes que educaron aos rapaces e rapazas de Ambosores ao longo da primeira metade do século XX, dos que mencionaremos a José Rouco Castro (1904), José Río Bellas (1908), Guadalupe Condado Vara (1908), José Rodríguez Barros (1923), Manuel Ruiz (1924), Francisco Escudero Gorro (1934) ou Ana Pérez García (1937).

Pero as Escolas rurais fóronse co vento cando se organizaron as concentracións escolares, e os nenos de Ambosores foron para Ourol ao colexio que daquela pasaba dos 250 alumnos. Pero tamén o Colexio de Ourol acabou por morrer.

Por unha crónica de José A. Carballido Pérez, nas páxinas de El Heraldo de Vivero, souben que o Concello de Ourol restaurou a histórica escola de Ambosores como Centro Cultural, sendo inaugurado o 18/02/2017.

El Heraldo de Vivero, 24/02/2017

O final do colexio de Ourol en catro olladas

2010: O Colexio de Ourol queda con 9 alumnos

Os Nenos de Ourol. El Heraldo de Vivero, 07/05/2010

Nove alumnos ten este ano o colexio de Ourol. O curso que vén, once. Pero xa non terán comedor, que a Consellería considera que con esta matrícula non se xustifica unha praza de cociñeira, e desde agora será un “catering” o que atenderá as necesidades alimenticias destes rapaces que, por ser poucos, seguro que se senten discriminados.

No Concello de Ourol existen, hoxe baleiros, varios edificios de casas-escola, erixidos en tempos máis boiantes polos galegos emigrados, membros de sociedades como “Vivero y su comarca”. Un deles, amplo, señorial, na parroquia de Ambosores.

A planta baixa da escola de Ambosores estaba destinada a aula, cunha capacidade de trinta e tantos alumnos, que respondían ao unísono ás preguntas ou observacións da mestra. A planta alta era a vivenda da mestra, e a ela accedíase por unha escaleira exterior situada cara ao norte.

A escola estaba situada nun recorte feito á Leira da Escola, no seu momento finca matriz, que ó comezo dos anos sesenta era propiedade de meus tíos.

Xa digo que daquela, só en Ambosores, debían ser máis de trinta os rapaces que daban vida a unha escola con mestra lucense, á que logo seguín tratando durante moito tempo.

Pasaron os anos, e no centro escolar Vicente Casabella de Ourol concentráronse todos os nenos do Concello, converténdose en escolares itinerantes transportados por estrada difícil, que tantos anos levou conseguir. Pero Ourol é un dos concellos lucenses onde a emigración produciu fonda ferida, e antes a Cuba ou Arxentina, logo ao País Vasco ou Suíza, e por fin ás Pontes, Viveiro ou Ferrol, aportou centos de brazos e intelixencias, de xeito que hoxe as aldeas están abandonadas, as vellas escolas sen función, e o centro escolar da capital do Concello con tan só nove alumnos.


Iso a pesar de que desde as aldeas de Ourol chégase en menos de media hora ás praias de Viveiro, do Vicedo, de Xove ou de San Cibrao. Iso que hoxe en todas as súas aldeas hai luz eléctrica e estrada. Pero todo parece ter chegado demasiado tarde.

Pode ser o signo dos tempos, pero escoitar que os nenos de Ourol se quedan sen cociñeira prodúceme unha fonda tristura, e sinto nos ósos que os meus devanceiros da Ferraxosa se removen nos seus cadaleitos preguntándose como fomos capaces dunha desfeita así.

2011: Unha nena de Ourol

En Ourol, mércores, 04 de maio de 2011

O pasado marzo foi noticia que unha nena de Ourol (Lugo), de oito anos de idade, ten que recorrer diariamente un quilómetro para chegar ao autocar escolar que a leve ao seu colexio. A estrada que une o seu domicilio co punto de paso do autobús non permite o paso do vehículo escolar desde que a esnaquizou o Klaus, e desde Sabucedo ao Sixto teñen que camiñar porque o Bus non pode entrar.

Situacións coma esta fanme retroceder no tempo, máis ou menos cincuenta anos, cando os meus veráns en Ambosores (Ourol) me facían coñecedor daquela realidade. E o máis normal do mundo -daquela Ambosores non tiña máis que un camiño de carro, que logo foi de tractor- era acudir a pé á escola desde todas as aldeas da parroquia. Viñan a pé desde a Ferraxosa os fillos de Restrebada, baixando a empinada costa cara ao río para logo subir pola Panda de Acibeiro cara á Igrexa e a Escola. Como mínimo, dous quilómetros e medio. Viñan os da Ribeira, e José Antonio da Pena, que o tiñan máis doado, pero era máis dun quilómetro. E subían os da Beira da Fraga, meus parentes, así como un quilómetro. E os da Carcallosa, e os de Santar de Arriba e Santar de Abaixo. Daquela era o máis natural do mundo ter que camiñar cara á escola, fosen cal fosen as condicións climatolóxicas, chovese ou nevase. Posiblemente por iso saímos tan duros, eles máis ca min que só coñecía teoricamente o problema, que en Vilalba eu tiña a escola a trescentos metros da casa.

Pero, o que hoxe sería impensable, eu fun só a escola desde que tiña tres anos. Daquela non había outro perigo que os tropezóns como o que tiven nunha esquina coa filla da Socorro do Luta, á que deixei desmaiada na rúa. Parece que, neste caso, o perigo fun eu.

Como os tempos non son os de hai medio século, Noelia, de oito anos, precisa solución para o seu problema. E ao mellor, agora, que me acordei dela, xa o ten. Ourol é unha das terras lucenses máis afastadas, máis despoboadas, pero tamén máis fermosas. Alí vivín algúns dos momentos máis felices da miña vida. Claro que daquela eu, á vida, tampouco lle pedía moito.

2015: Morre o Colexio de Ourol

Morre o Colexio de Ourol. La Voz, 21/07/2015

Foi o 21 de xullo de 2015 cando me tocou entoar o seu réquiem nas páxinas de La Voz de Galicia:

Morre o colexio de Ourol

Os nosos políticos aínda non se decataron dos problemas máis acuciantes que teñen sobre as súas conciencias. Pode o PSOE chamarlle “trileiro” a Rajoy, lembrando aquel xa vello “tahúr do Missisipi” de Guerra a Suárez; poden no Congreso chamarse ladróns de luva branca, ou o PSOE lucense acusar de que non fan nada na Deputación os que levan un mes gobernando por sorpresa… Poden dicir que chove cando o que cae non é auga limpa, e podemos ter problemas co leite, coa economía e coa política, que se embrolla cada vez máis… Pero o importante é a morte por consunción do noso pobo.

Hai xa mais de medio século, asistín durante un par de semanas a escola de Ambosores, no concello de Ourol, nun magnífico edificio feito polos “Indianos”, con medio cento de rapaces e rapazas, de todas as idades, atendidos pola mestra Carmen Llamas, que viviu na súa xubilación en Lugo, na Avenida da Coruña.

Andando o tempo, os nenos e nenas de todo o concello de Ourol xuntáronse no colexio público da capital. Supoño que subirían moito dos douscentos, naqueles tempos en que sobraba xente no campo.

O pasado curso, o colexio de Ourol matriculou dez nenos, atendidos por un mestre mais outro que se compartía con Muras. Este curso o colexio pecha, e os alumnos vanse para o Santa Rita de Galdo ou o Lois Tobío de Viveiro. Ourol queda sen nenos. Isto é un drama maior ca o do leite, ca o da economía, ca o dos políticos… E ninguén quere darse conta de que somos un país en extinción, un pobo camiño de converterse en deserto. Verde, iso si, pero sen xente.

2019: O Colexio de Ourol, Residencia da Terceira idade

La Voz, Lugo, 22/05/2019:

Houbo un tempo en que todos os concellos quixeron ter o seu colexio público, para concentrar nel todas ou a maioría das escolas da xeografía municipal. E todos tiveron polo menos un colexio, tendo dous concellos como Begonte, Guitiriz, Cospeito ou Barreiros, que ao ter no seu territorio dúas poboacións importantes, a cifra de alumnos esixía ese esforzo.

Era o tempo -anos sesenta, setenta, oitenta…- en que as parroquias rurais lucenses ían perdendo poboación pola emigración interior e exterior, pero aínda moitas podían ter escolas unitarias, con numerosos alumnos.

Coñecín a parroquia de Ambosores, con territorio repartido nos concellos de As Pontes, Ourol, Muras e Mañón, con medio cento de alumnos a comezo dos anos sesenta, e logo desapareceu para ser escolarizados os alumnos no colexio de Ourol.

Pero a zona, illada, entón incomunicada, con agricultura difícil, foi perdendo poboación, e pouco despois o colexio de Ourol tiña menos matrícula ca o dunha das súas parroquias, e este proceso foise agudizando coa conseguinte redución do profesorado, supresión do comedor, e por fin supresión do mesmo colexio, pasando os escasos alumnos a colexios de Viveiro.

Hai catro anos que pechou o colexio de Ourol, e nada indica que vaia abrirse no futuro, por seguir sendo este concello parte da que agora se deu en chamar “España vaciada”, onde en algunhas parroquias só quedan os máis vellos, aos que a natureza lles vai aplicando as súas leis, pechando casas, desertizando aldeas.

Que as instalacións do colexio de Ourol se vaian aproveitar para outra función parece boa noticia, pero non o é tanto se se nos di que se vai transformar en centro de día e residencia para a terceira idade. Un bo contrasentido.