Ambosores: 
Catro concellos, dúas provincias

Se imos ao máis básico, á Gran Enciclopedia Gallega, atopamos que Santa María de Ambosores é un parroquia do arciprestado de Ourol, diocese de Mondoñedo-Ferrol. Civilmente, o seu territorio repártese entre os concellos de Ourol e Muras, na provincia de Lugo, e As Pontes e Mañón, na da Coruña.

Tiña no momento da publicación daquela primeira Enciclopedia (1974), 225 habitantes distribuídos entre as entidades de poboación de Ambosores, Baroso, Cabezón, Carcallosa, Cereixiña, Ferraxosa, Fragachá, Iglesia, Outeiro, Ribeira da Señora, Santar, Toxoso e Veira da Fraga no concello de Ourol; As Ameixeiras, O Mouriscón, Pena de Mouriscón, O Rego e Santar de Abaixo, no de Muras; Casanova e Niño do Azor, de As Pontes; e Entrambosores e Ribeira do Bispo, no de Mañón.    

E a G.E.G. afirma e todo mundo repite que esta parroquia “constitúe un caso límite de contradición entre a división administrativa oficial e a eclesiástica, e é, polo tanto, un exemplo claro de como a división municipal ignora a existencia da parroquia como unidade sociolóxica”.

Indica que está comunicada por unha estrada comarcal construída en 1967. Que mo digan a min! E, especialmente, que llo digan aos ambosoreños!


Unha alma partida por dous ríos

Ana F. Cuba titula “Unha alma partida por dous ríos” a reportaxe publicada en La Voz de Galicia (A Mariña) o 15 de novembro de 1998, falando de que “vecinos separados apenas por 300 metros reciben asistencia en puntos tan distantes como Ferrol, Burela e Lugo”.

Había daquela 7 veciños na zona pertencente a Muras, 20 na de Ourol, 1 na de As Pontes, e 1 no de Mañón

O secretario do Xulgado de Paz e funcionario do concello de Ourol, José Hermida Martínez, informaba en La Voz uns días antes de que os nacementos na parroquia inscribíanse no respectivo concello, pero no caso de pasamentos enterrábanse en Ambosores.

 

Concello de As Pontes

Da parroquia de Ambosores pertencen a As Pontes as aldeas de Casanova e o Niño do Azor, situadas ao norte da parroquia de O Freixo. O Freixo, duns 75 km. cadrados, é a parroquia máis grande de As Pontes, e foino de Galicia ata que se creou Ambosores. A comezos do século XX, chegou a ter 1.000 habitantes, que era o que daquela tiña a capital. En 2019 a poboación quedara reducida a 67 habitantes.

Belén Vázquez Brage, investigadora dos muíños do Freixo, declarou a El Comarcal (febreiro de 2019) que a Parroquia “foi a máis grande de Galicia, facía sombra á vila e o cura partiuna e creou as parroquias de Somede e Ambosores”.

 

Comunicación con As Pontes

En novembro de 2019 facíase público que a Deputación de A Coruña estaba a facer traballos de ampliación da estrada ao centro da parroquia do Freixo -antiga escola, igrexa e cemiterio- por 113.149 €, desde a estrada de Ortigueira a Formigueiro, 3 km. nos que o firme pasou de 4 a 6 metros de ancho.

Mellorábase esta conexión de Ambosores con As Pontes, conexión que, seguindo a La Voz de Galicia, podemos comprobar que comezou a planearse no ano 1930. No xornal do 14 de setembro deste ano reflíctese que na sesión da Comisión Provincial lembrouse a importancia da obra do camiño “De la carretera de Ortigueira a Puentes de García Rodríguez, pasando por Freijido al Puente de Ambosores, para continuar en la provincia de Lugo”,  o mesmo ca outras de carácter interprovincial, e outras máis que darían acceso a puntos absolutamente incomunicados, pero que estas obras non superaran aínda todos os trámites, polo que non se “podía ir á construción” das mesmas, se ben propóñense xestións para logralo. 

Tiveron que pasar cinco anos, e o 21 de novembro de 1935 publica La Voz que a Deputación Provincial coruñesa aprobaba o proxecto “De Ortigueira a Puentes por El Freijo a Puente de Ambosores”.

O 15 de xullo de 1945 publícase que a Comisión Xestora da Deputación Provincial aprobou a proposta de concesión de anticipo ao Concello de As Pontes de García Rodríguez para a construción deste camiño, obra que se declaraba de urxencia.

O 1 de agosto publícase un “Anuncio de destajo” por parte da Deputación provincial, por medio de concurso para a construción deste camiño, por un importe de 108.139,06 pts.

Por fin o 16 de mayo de 1948 aprobase a “Hoja de datos fundamentales” desta obra.

Sexa como fose, o certo que a comezo dos anos sesenta non se tiña cumprido axeitadamente o de “continuar en la provincia de Lugo”, xa que a ponte en Ambosores era de madeira, non permitía o paso de vehículos, e un temporal removéraa do seu sitio, quedando en situación moi precaria.

Temos que esperar ata 1981, cando La Voz de Galicia, o 24 de xullo, co título “El Puente de Ambosores”, informa da visita ás Pontes do Delegado provincial do IRYDA que, cun técnico do departamento e o Alcalde pontés, Jaime Vilaboy, se desprazaron ao lugar no que se ía construír a Ponte de Ambosores, “obra que unirá las provincias de La Coruña y Lugo por esa zona y dará servicio a cuatro ayuntamientos”.

Concello de Mañón 

Ao Concello de Mañón (A Coruña), de Ambosores pertencen a Ribeira do Bispo e Entrambosores.

Casa do Concello de Mañón

A maior relación con terras de Mañón é con As Grañas do Sor. O topónimo “As Grañas” procede do latín “Grania” ou “Granea”, derivado do latín “Granus”, cereal. Eran estas “Grañas”, granxas, na Idade Media, explotacións agrícolas dependentes dun mosteiro.


As Grañas tivo unha feira mensual que atraía gando e xentes de toda a contorna. E, como toda feira importante, tiña tamén importancia social para maiores e mozos, provocando un fluído constante entrámbalas dúas parroquias.

Entre Ambosoras e As Grañas (a miña curta experiencia é ir desde A Ferraxosa) había que pasar polo Arganzo, cun histórico muíño, e un souto que me parecía impenetrable.

A parroquia está dividida en tres cuadrillas con límites que marcan pequenos ríos: 

  • Da parroquia de O Freixo (As Pontes) separa á “Cuadrilla de Riba” o Rego de Solloso.

  • Entre a “Cuadrilla de Riba” e a do Medio, desde O Forno dos Mouros ao Cal do Macho, vai o Rego de Brúa e dos Casateite

  • A do Medio da “Cuadrilla de Abaixo”,  polo Rego do Rosario.

  • E entre a “Cuadrilla de Abaixo” e a parroquia de Mañón, polo Rego das Minas dos Castros.

Polo occidente marca o límite a Serra da Faladora. E polo leste o Sor baña a parroquia, desde onde se xuntan as dúas correntes que o conforman, ata a Ponte Segade.

 

Nas Grañas do Sor

Fun ás Grañas só un par de veces, ás feiras, xa non lembro se desde a Ferraxosa ou desde Ambosores. Sexa como fose, había que pasar pola Ferraxosa, por unha congostra onde se apreciaban fortemente as rodadas dos carros que foran limando a pedra do fondo. E pareceume moi lonxe. Logo, había que baixar moi fondo, ata a beira do río, e pasar por un souto de castaños onde as vellas cañotas, medio mortas ou medio vivas, acusaban as agresións do tempo e mostraban furados no interior, que eran moito máis ca feridas, que poderían ser grandísimas vivendas de diminutos seres que tivesen as fragas por lugar de residencia.

Non lembro como era de grande o pobo das Grañas. Vindo da aldea, e celebrándose feira, a min parecíame un gran pobo. Na actualidade, pasando rapidamente, aínda agora non da a sensación de baleiro como a maior parte deste meu pequeno país. 
 

El Heraldo de Vivero, 02/07/1999

Pasarían moitos anos ata que eu soubese que grañés en segunda xeración foi o actor francés Louis de Funès, de sona internacional; grañés, o escritor e xornalista Lino Novás Calvo, que “fixo as Américas” coa súa pluma… E, claro, o grañés que tivo máis sona popular: Mamed Casanova, Toribio. Pero vaiamos por partes.

 

Louis de Funes Soto

O actor francés Louis de Funès Soto, tiña raíces nas Grañas. Era neto do senador, deputado e presidente do Círculo das Artes de Lugo, Teolindo Soto e Barro e a súa dona, Leonor Reguera, que tiveron por filla a Leonor Soto Reguera. Esta casou co avogado sevillano Carlos Luis de Funès, e afincados en Francia fan nacer a Louis de Funes Soto.

Teolindo Soto e Leonor Reguera

A sona deste actor franco-grañés veulle especialmente da serie de seis películas arredor de “O xendarme de Saint-Tropez”, de finais dos 60 ata comezos dos 80 do século pasado.

O xendarme de Saint-Tropez

Teolindo Soto Barro nacera en Grañas do Sor en 1848, e morreu en Ortigueira en 1906. Licenciado en Dereito pola Universidade de Compostela, foi xuíz de Ortigueira, notario en Lugo e Madrid (chegando a encargarse do arquivo de protocolos da capital do Reino), e foi elixido deputado polo distrito de Lugo en 1893 e senador pola provincia de Pontevedra en 1905. En Lugo foi en dúas ocasións Presidente da sociedade Círculo das Artes.

Firma de Teolindo Soto Barro

Máis información sobre Teolindo Soto

O historiador lucense Antonio Prado, autor da Historia do Círculo das Artes, infórmame de que, efectivamente, don Teolindo “foi presidente do Círculo en dúas ocasións nos anos oitenta, con mandatos breves pero intensos nos que demostrou grandes capacidades como administrador (eran os anos da chegada do ferrocarril a Lugo desde a Meseta e a cidade estaba revitalizándose)”.    

Círculo das Artes de Lugo

Afirma o profesor Prado que este personaxe merece ser máis coñecido, “pois o seu papel dentro da Sociedade foi moi importante, tanto como o do famoso Eduardo Cumbraos”. En canto a súa adscrición política, indica que “era correlixionario de Manuel Becerra Bermúdez, polo tanto liberal fusionista”, e que entre as súas amizades lucenses figurou Jesús Rodríguez López e “parece que tivo moito que ver con que este escribise as súas Supersticiones de Galicia”.

Sinala tamén que “Un dos seus fillos, José Soto Reguera (1881-1953) foi tamén un persoeiro importante, deputado por Lugo e Viveiro e con cargos de nivel nacional, como o de presidente do Ateneo de Madrid. Parece que a súa liña política derivou cara á Unión Patriótica coa chegada da ditadura de Primo de Rivera, e na etapa republicana foi membro do Bloque Nacional (Calvo Sotelo). Eran outros tempos e outra historia”.

Pepe Cora dedica a Teolindo Soto y Barro un dos seus esbozos en El Álbum de los lucenses do 5 de agosto de 2019.

Na viaxe que Antonio, o meu fillo, e mais eu fixemos por Ambosores e arredores con Bernardo Penabade -da que se fala noutros apartados desta web- fomos xantar a Casa Urbano, xa no Concello de Mañón, pero antes Penabade levounos a lugares das Grañas da súa especial devoción.

Un deles foi a casa de Teolindo Soto e Barro, nas Grañas. É un edificio agora abandonado e en ruínas, pero que denota ese señorío que as casas nobres conservan aínda que os anos as vaian facendo caer.

Parados xunto á que foi casona poderosa, lembrounos a relevancia deste grañés especial, que figura na historia, e do que queda lembranza en pedra neste edificio ferido de morte.

 

Lino Novás Calvo

Cualificándoo de “Referente das letras cubanas”, o portal “Galicia Aberta” sinala que “O feito de que un dos principais escritores cubanos do século XX nacese en Mañón demostraría de vez a importancia da emigración galega. En efecto, logo de levar unha vida igual á de moitos emigrantes, Lino Novás converteuse nun dos narradores cubanos máis coñecidos e con máis éxito”.

Lino Novás Calvo

Naceu en San Mamede das Grañas do Sor en 1903, fillo natural de María Calvo Rego, non sendo recoñecido polo sei pai, Lorenzo Novás, ata 1909. Vai á escola, traballa na terra, e con nove anos emigra a Cuba, onde residía un tío materno.

Segue formándose mentres desempeña innumerables oficios, estuda inglés, e en 1926 marcha a Nova York. En 1927 comeza o seu labor xornalístico en diversas publicacións. En 1931 vén a Madrid como correspondente do semanario cubano Orbe. En Madrid colabora na Revista de Occidente, La Gaceta Literaria, El Sol… e publica a novela “Pedro blanco, el negrero”. Dedícase á tradución. Retorna a Cuba rematada a guerra civil. En Cuba é columnista, tradutor e profesor de francés, publica libros e recibe os máis importantes premios literarios.

De Lino Novás afirmou Cabrera Infante: “Cuando se escriba la historia definitiva del cuento en hispanoamérica, a Lino Novás habrá que considerarlo como uno de sus más inspirados maestros”.

Conclúe Galicia Aberta a súa reseña indicando que “A mediados de 1960 solicitou asilo na embaixada de Colombia na Habana. Viaxou a Miami e máis tarde a Nova York. En 1967 foi nomeado profesor de Literatura Hispanoamericana na Universidade de Syracuse. En 1970 publicou Maneras de contar, volume de relatos. En 1973 sufriu un ataque cerebral do cal se recuperou en parte, aínda que non puido seguir dedicándose á docencia. Morreu en Nova York o 24 de marzo de 1983 aos oitenta anos. Co gallo do centenario do seu nacemento, en 2003, Ediciós do Castro publicou o volume El comisario ciego y otros relatos. Cira Romero, editora desta obra e grande coñecedora da súa vida e da súa obra, confirma a Lino Novás como un dos precursores do "realismo máxico" e un dos pais do boom literario latinoamericano”.

Levounos Bernardo Penabade, neste periplo grañés, ver o que queda da casa de Lino Novás. Non ten, xa que logo, o señorío da de Teolindo Soto. Era un emigrante, de familia pobre.

Móstranos Penabade o lugar por onde saíu Lino para a emigración. Nunca volvería pisar a súa casa, esta que as fotografías mostran como resultado da acción do tempo e o abandono.

Se a casa sofre total abandono, non pasou o mesmo cos papeis e arquivo de Lino Novas, que a familia puxo ao dispor de Bernardo Penabade, e este, coa axuda de Ramón Villares, puido darlle destino útil e nobre, ao dispor dos galegos que teñan interese por coñecer este tan especial emigrante galego.

 

Mamed Casanova, “Toribio”

Nada que ver cos dous anteriores ilustres grañeses. Moito máis coñecido popularmente polas súas andanzas e fechorías, na miña nenez (comezo dos anos sesenta do pasado século) Toribio era unha lenda por Ambosores e por toda Galicia, a medio camiño entre a delincuencia e a heroicidade.

Nacera de nai solteira, nas Grañas, o 15 de febreiro de 1882. O primeiro alcume parece ser que foi o de “Rego”, pero axiña adoptaría o de “Toribio”. Críase coa nai e cunha irmá desta. Un cantar de cego abre as portas da imaxinación para achegarnos ao terrible Toribio, alcume que quedou na linguaxe popular como símbolo de persoa á que hai que temer, sen poder deixar de admiralo.

El sol detenga sus rayos
y la luna su luz bella
el mar encrespe sus olas
y estremézcase la tierra
que va Mamed Casanova 
a contar su historia entera
para instrucción de los hombres
regocijo de las hembras,
emoción de ustedes todos,
y entusiasmo de la prensa.

 

La Voz de Galicia, 26/10/2014

Sábese que o seu primeiro roubo foron uns pendentes de prata da dona do ferreiro Julián Rey, co que traballaba como aprendiz. E cóidase que ao ser descuberto, fuxiu ao monte.

Da súa afouteza, a lenda relata que cando tiña quince anos deulle unha malleira a un camorrista que lle doblaba a idade.

Despois de pequenos roubos, xunto con “Fondón” (José María Rego) atracan a Manuel Justo, polo que Rego é condenado a dous meses de prisión, e a Toribio, menor de idade, a unha multa de 125 pesetas. De novo perpetran nas Grañas un atraco, na casa de Fernando Paz, roubando tres reloxios, polo que Mamed é condenado a un arresto maior de catro meses.

Tiña grande habilidade para os disfraces, parecía ter o don da ubicuidade, pedía esmola, roubaba... pero a súa boa estrela eclipsouse en 1901 cando asaltou a reitoral das Grañas, a pesar de que o cura era amigo seu, e nese suceso morreu unha criada. Detido, culpado do feito, foi condenado a trinta anos de cárcere. 
    
Ao fugarse do cárcere de Ortigueira e da prisión do Castelo de San Antón e botarse ao monte, a súa sona como heroe chegou a toda Galicia. Hai que ter en conta, como indica o historiador vilalbés Xosé Antón Pombo Mosquera, que “sacar os cartos de rectorais e casas acomodadas, era visto como outra xustiza nun mundo no que a riqueza se agochaba nas mans de quen non traballaba a terra”. A escapada durou tres meses e medio, e nese tempo Mamed Casanova, Toribio, convertiuse en lenda.

A Mamed persigue
la Guardia Civil
pero el bandolero
conoce el país.

La Voz de Galicia, especial 140 anos, 23/10/2022

Mentras para Emilia Pardo Bazán era “O Anticristo”, Valle Inclán e Julio Camba confesáronse atraídos pola figura de Toribio.

Valle Inclán dixo del que “no tenía nada y lo deseaba todo” e era “hermoso como un bastardo de César Borgia”, confesando que admiraba a “estos bandoleros que desafían la ley, que desdeñan el peligro y la muerte. Tiene para mi una extraña fascinación moral”. E baseouse nun feito de Toribio para escribir a obra teatral que se considera o mellor exemplo dos seus Esperpentos: “Las galas del difunto”.

Na obra de Valle, o boticario Don Sócrates morre ao ler unha carta da súa filla na que lle confesa a súa dedicación a oficio inconfesable, e un antigo soldado acollido na súa casa asalta a tumba para roubar o traxe co que foi enterrado.

Superando calquera ficción, a realidade que coñeceu Valle Inclán foi que Mamed rouboulle o traxe a un indiano que viña de ser enterrado. Era rapaz moi novo, e quizais por pura provocación ou xogo deu en acudir á casa do defunto para dar o pésame aos parentes, que identificaron ao momento o traxe que vestía. Outra versión da historia-lenda indica que, vestido co traxe do indiano defunto, paseou entre os veciños das Grañas nun baile.

Mamed Casanova era xa un mito, e a lenda fíxose canción:

Pero el hombre es tan audaz
que de la cárcel se escapa
hiriendo a los carceleros
de nuevo al campo se lanza
a seguir matando gente
y robando cuanto halla
que es el más fiero bandido
de que hay noticia en España.

En 1902 é detido na rectoral de O Freixo, do concello de As Pontes, en acción organizada polo crego vilalbés Antonio Prieto Poupariña, coa axuda de varios veciños daquela parroquia.                  

Álbum de los lucenses

Coñecín a historia desde moi pequeno, contada por miña nai, Esther Ramil, que nacera en Tras do Río, no Freixo, porque un dos rapaces que axudaran ao crego a reter a Toribio fora seu tío Juan Ramil, Xan do Pulgón, que de sempre foi chamado na familia “O tío Xan”, ao que eu coñecín sendo el xa moi maior, e despertaba a miña curiosidade porque viña ás feiras de As Pontes abrigado cunha manta.

Era o 13 de febreiro de 1902. Toribio andaba polo Freixo, e Antonio Prieto Poupariña, que nacera en San Xoán de Alba, Vilalba, en 1864, e aquel ano fora nomeado cura daquela parroquia, invitouno a tomar café. Cando Toribio chegou á Rectoral do Freixo, non sabía que na casa estarían agardándoo tres números da Garda Civil.

La Voz de Galicia, 02/11/2014

Ao entrar atopou á sobriña do cura, Carmen Cascudo, de 14 anos (que andando o tempo casaría en Vilalba con Guillermo, empresario dunha droguería), traballando na cociña mentras varios mozos xogaban unha partida de cartas. Sabemos o nome dalgúns dos mozos que participaron na trampa a Toribio: Antonio Pita, Andrés Fontao, Antón do Pulgón e Juan Ramil (Xan do Pulgón), meu parente, irmán do meu avó materno, pai de Juan e Víctor Ramil. O cura prometéralle aos rapaces que repartiría con eles a recompense establecida pola captura do bandoleiro, que polo que parece era de 1.500 pesetas, pero estes nunca percibirían cantidade algunha.

A pesar de defenderse bravamente, Toribio non conseguíu empuñar ningún dos dous revólveres que levaba, foi detido pola Garda Civil, resultando ferido de bala, o mesmo que o mozo Antón do Pulgón. Despois de ser atendido polo médico das Pontes, foi conducido en angarelas ao cárcere de Ortigueira.            

La Voz de Ortigueira

Despois do xuizo, indultado polo Rei Alfonso XIII a petición de súa nai, foi conducido ao cárcere de Valencia. Posto en liberdade en 1926, Pombo Mosquera informa que “aló por 1928 apareceu nas terras do Sor pedindo esmola”, morrendo en 1946, na Coruña, “esquecido de cantos o elevaron a mito”.    

Faro de Vigo, 12/12/2010

Na actualidade, Viravolta títeres escenifican a súa vida, un cómic de M. López Poy e Miguel Fernández cualifícao de “O fillo da furia”, e un mural de Nove Noel, en As Pontes, lémbrao con traxe e aire de indiano e a frase “Date, Toribio”, coa que se di foi conminado na súa detención.

El Progreso, 21/04/2021

Foto do mural en As Pontes

 

Concello de Muras

Muras (con nome que pode vir do latino “murias”, conxunto de muros) ten oito parroquias: Ambosores, Balsa, Burgo, Irixoa, Muras, Silán, Sixto e Viveiró. De Ambosores pertencen a Muras as aldeas de Ameixeiras, Couce dos Muros, Mouriscón, Pena do Mouriscón, Rego e Santar de Abaixo.

Casa do Concello de Muras

O 8 de xullo de 2011 lin o Pregón das Festas que en Muras se celebran na honra da “Virgen de la Caridad del Cobre”. O texto deste Pregón resume boa parte da miña relación con Muras, especialmente centrado na parroquia de Ambosores:

O máis típico das festas é que o pregón se faga ó principio, como apertura dos festexos, pero neste caso é practicamente no remate, o que o fai aínda máis orixinal, e que ben mirado non desentoa nada porque coido que o papel do pregoeiro entón ven ser o de "chufador" da festa, constatador de que a xente o pasou ben, coa confianza de que o ano que ven vai ser mellor, e polo tanto as festas van ser triunfais.

Coincidín en Lugo co voso Alcalde e tratamos esta miña visita de hoxe, que agradezo ben por permitirme falar de Muras en Muras, un lugar tan emblemático na miña nenez.

Eu son vilalbés de nacemento, pero todos os meus veráns de neno, ata os dezasete, paseinos en Ambosores, o fermosísimo lugar onde se xuntan os dous ríos Sor, unha Mesopotamia na que fun feliz como nunca volverei ser en ningún outro lugar.

Miña nai era do Freixo, de Tralo Río. Meu pai da Ferraxosa, en Ambosores, e a min nacéronme en Vilalba, pero Ambosores era o destino perfecto en canto chegaba o verán. Pola parte de meu pai pertenciamos ós Xices da Penamoura, que nunca cheguei a saber onde era.

Cando ía para Ambosores, Muras era o remate da civilización. Ata aquí, sucesión de pobos. Desde aquí, a aventura.

Podía ir pola estrada cara a Xan Branco, e desde alí subir a costa, o Sarrón, e baixar ó Sisto, para seguir camiñando por unha estrada que ía avanzando moi lentamente, e que non daba pasado da Carcallosa. No caso de ir “por riba”, a civilización remataba no Mesón de Vázquez, pero daquela eu aínda non sabía que de alí era Antía Cal, mestra de mestras, pioneira da moderna educación galega.

No caso de vir por Muras, xeralmente aproveitando a feira do nove, o mundo urbano remataba aquí, onde os meus parentes cambiaban as zocas nunca casa taberna situada algo máis abaixo da igrexa parroquial.

Desde aquí, indo a pé subíamos por unha corredoira pedregosa que aforraba un gran tramo da carreteira en costa, e cando chegabamos arriba podíamos ollar o andado, e contemplar a última imaxe deste pobo, porque desde alí todo era monte. Ás veces este recorrido pola estrada facíase no coche da feira dunha empresa duns medio parentes nosos, que radicaba no Sisto e prestaba un impagable servizo de transporte de xente e de carga. Nese caso, o coche chegaba á Carcallosa, co que o camiño era ben doado.

Só unha vez o fixen en bicicleta, que como ía ser o seu monaguillo durante o verán, o crego de Ambosores foime buscar a Vilalba, e viñemos os dous -eu como pasaxeiro- na bicicleta, subindo as costas a pé e subidos a ela nos tramos costa abaixo.

Meus tíos tiñan soltas algunhas vacas e a besta no monte (aínda non viñera a Forestal), e cada vez que ían de viaxe había que ír ó monte buscar á Cuca, que alí vivía en liberdade. Lembro termos ido, moi cedo, en plena noite, a buscar a Cuca ó monte, enfronte a Santar, para ir á feira do Viveiró. E a min parecíame imposible que funcionase aquel sistema. Meu tío, coa albarda ó lombo, monte arriba berrando “¡Cuca, ven!”, e miña tía e máis eu na beira da estrada agardando o milagre.

Non sei como foi, pero o certo é que fomos ó Viveiró, o que foi na besta fun eu, que para iso eu era o Rei daquela casa.

Preguntáballe o outro día ó voso alcalde se seguía celebrándose a feira do nove, da que teño tan entrañables recordos. Viña a ela desde Ambosores na volta do verán, e desde Vilalba nos coches de Autos O Noso, cando viña para quedarme. Muras, sempre, a estación de transbordo, desde e cara ao urbano, e -permitídeme dicilo- a civilización.

Porque aquí remataba o asfalto, a luz eléctrica, o teléfono, os comercios, a feira, o territorio coñecido. A cambio, aquí empezaba a aventura, o inexplorado, a liberdade, o paraíso… e chegar ás Louseiras, co seu sempiterno abandono de industria esmorecida, era como chegar a un pobo do lonxano oeste onde o único que se escoitaba era o son do vento.

Por certo que non hai moito descubrín un atallo desde As Louseiras a Ambosores, pasando polo Mouriscón, no que florecen os aeroxeneradores, que me produciu unha estraña sensación ó percibir unha paisaxe ata daquela inédita, unha visión de Ambosores totalmente descoñecida.

Eu consideraba Muras un pouco a miña casa (o límite da miña casa), e as feiras como as miñas feiras. De Vilalba viñan infinidade de feirantes, comprar ou vender todo tipo de produtos. Por vir, ata viña unha peiteadora establecida en Vilalba xunto á igrexa, que cada feira viña atender á súa clientela. E tiña reservado un baixo, por fronte máis ou menos do edificio da Cooperativa, onde facía cortes de pelo, peiteados e permanentes desde a primeira hora da mañá ata que saía o coche da feira. Lembro un vello artiluxio onde quentaba os bigudís, ou como se chamaran aquelas pinzas que rizaban o pelo das muresas.

Daquela Muras de hai case medio século quédanme imaxes inesquecibles… Teño na memoria o edificio sempre inacabado da Cooperativa, do que sempre se pensou ía saír algo moi grande para o pobo. Quédame a imaxe do terrible incendio que houbo nun comercio de ultramarinos, case ó lado da Casa do Concello, na praza, no que salvaron a vida os seus habitantes polos choros dunha nena de ano e medio (era o ano 59) que reaccionou diante do fume que invadía o edificio. Teño vido logo varias veces, e a casa ardida era un esqueleto morto coas fiestras afumadas, lembrando o que puido ser unha traxedia.

Quédame o recordo de que cando xa nos íamos para Ambosores, había que ir ó Burgo, cruzando un río ou corrente de auga, á Panadería comprar o pan que levar para a casa, pan fresco para contrastar co pan duro da fornada que se cocía na casa cada dúas ou tres semanas.

Permitídeme que conte con nostalxia estas lembranzas dun Muras que me deixou marcado de neno por unha maxia que seguro vós tedes percibido durante a vosa vida. Logo foi o lugar onde vivía Ánxel Ramil, parente meu, e tamén o lugar no que cando viñamos había que pasar pola casa da familia de don Robustiano de Castro, que seica nalgún tempo houbera algunha relación familiar.

Pode que cos anos, a memoria infantil magnifique as cousas, pero para min Muras tiña un efecto impactante e o meu cerebro asimilaba a forza desta terra cunha fluidez asoballante.

Tardei tempo en ver Muras nun mapa, colindando o concello cos de Ourol, Valadouro, Abadín, Vilalba, Xermade, As Pontes e Mañón. E marabillábame oír ás xentes dicir que o meu feliz Ambosores era unha parroquia que pertencía a catro concellos -Ourol, As Pontes, Mañón e Muras- e dúas provincias, A Coruña e Lugo. Mágoa que hoxe pouca poboación hai para repartir, que o que era unha fervenza humana -Ambosores, A Pena, A Ribeira, A Ferraxosa, Veira da Fraga ou Mouriscón- son hoxe silenciosa soidade que non fai máis ca agudizar a nostalxia.

Ambosores era un lugar para min no que, aínda que chovese, non se poñía o sol. Eu sabía que o seu nome ten que vir da xuntanza dos dous ríos Sor, que como amuras dun barco fan que a proa de Muras entre naquela terra. Pero moi pouca xente, quizais ningún, lle chamaba “Ambosores”, senón diversidade de nomes supostamente parecidos: “Amesores”, “Trambosores”, “Trambesoles”, “Trambosoles” ou “Entrambosoles”, que tampouco está mal para un lugar tan luminoso.

Eu medrei en Vilalba, á beira de dous mureses, que facían proclamación perenne da súa orixe.

Un era José Pampillo, un home sen brazos nin pernas que nacera en Carelle do Burgo en 1911, e tiña un comercio de roupa onde eu aprendín a vender, e a comprender moitas cousas do rural, tratando coa magnífica xente das feiras.

O outro era Vicente Otero Cao, que nacera en Maciñeira en 1890, ilustrado, afeccionado á escrita, correspondente de prensa en Vilalba e Muras, que publicou diversas páxinas da vosa historia, de xentes, nas que aparecen datos de grande interese.

Os do meu tempo lembramos moi ben aqueles comezos dos anos sesenta, onde as distancias eran forzosamente recorridas a pé, e soaba a música celestial a petición da que fala Otero Cao, do establecemento dunha liña de transporte de viaxeiros dos Hermanos Veiga desde Viveiro a Lugo, pasando polo Sisto, Muras e Xermade, dando servizo a núcleos incomunicados -di- como San Pantaleón de Cabanas, Bravos, Ambosores ou o Sisto.

Eran tempos de cambios, de progreso. En Muras, no 57, reformouse a igrexa parroquial. No 1958, foi inaugurado o teléfono polo Gobernador Civil Otero Aenlle, que durmiu aquel día en Muras. No 1967 chegou a Caixa de Aforros. A vida moderna ía entrando neste pobo, e no 60, 61 e 68 publicábanse as obras de Otero Cao para coñecer anacos da vosa historia.

Causoume estrañeza que Muras fose incluída na comarca da Terra Chá, cando de chá ten pouco, sendo máis ben o mellor exemplo de terra montañesa co Xistral, A Carba, Montouto, xunto con vales coma este, coa fronteira húmida da Gañidoira, os cabalos salvaxes, os aeroxeneradores como fantasmas batendo entre a néboa... Terra que desauga a súa forza natural facendo nacer ríos coma o Eume, chamado a ser enerxía e paisaxe, forza e calma, de infinita beleza.

Polas vosas expresións, vexo que tivestes unhas boas festas, e alégrome. Aínda que me sorprendeu saber que ademais de na honra de San Pedro, son tamén da Virxe “de la Caridad del Cobre”, patroa de Cuba. Comprendino cando souben a gran relación coa nación cubana a través da forte emigración de outrora, e que a virxe que na igrexa se venera foi mercada por un grupo de mulleres da Unión Murense da Habana a mediados do século XX. Precisamente o presidente das festas do ano 82 declaraba a un xornal que “desde que non viñan os cubanos perdeuse moita recaudación” festeira.

Ás veces os maiores, como eu de neno, vemos nos pobos unha realidade actual, sempre complexa, industrial, administrativa, de lecer... que non nos deixa mirar en profundidade.

E podemos ver Muras como un pobo pequeno, cunha industria importante, comunicacións xeitosas, natureza vizosa... e todo isto é verdade. Pero se ollamos no pouso da historia, atoparemos pegadas dos devanceiros que habitaron no Abrigo de Liñeiro en Irixoa, no Prado do Inferno ou nas furadas dos Cristais, hai catro ou cinco mil anos... Penedos como o Castelo de Goía onde se supón que os primitivos mureses se fortificaron; castros que habitaron os nosos máis vellos, na Balsa, Muras ou Silán; igrexas que os antepasados ergueron coa forza da fe; a Ponte da Balsa ou a fonte de San Salvador no Burgo, no vello emprazamento deste pobo; casas fortes ou torres que houbo en Muras xa hai polo menos oito séculos e en Silán hai cincocentos anos; ou cruceiros airosos para lembrarnos que somos pequenos e dependemos do máis alto.

A vosa historia fala de que os Bermúdez de Castro aquí administraban xustiza, e de que os Lemos e os Andrade tiñan propiedades por aquí. Pero os señoríos son efémeros, e sempre quedaremos nós, a xente do común, e as pedras que fomos erguendo co noso esforzo.

E, como signo máis inmediato, direi que sempre me chamou a atención a fermosa torre barroca do voso campanario, situada -estrada por medio- separada da mesma igrexa. E como patrimonio artístico, a cruz parroquial de San Pedro que honra o voso templo monumental.

Acudo agora á vosa indulxencia, pedindo que esquezades os meus erros de apreciación nesta miña confesión de devoción por Muras e amizade por vós. Tede en conta que para escribir isto volvinme neno, e os nenos sempre din a verdade, pero tamizada polo que ven ou cren ver, polo que oen ou cren oír, porque un neno sempre será natural, sen artificio, e dirá claramente o que pensa e o que quere.

Coido que xa é hora de ir rematando. Otero Cao rescataba unha cantiga popular que di:

“Haiche mozas, haiche mozas,
haichas nas baixas de Muras,
que conquistan os rapaces
cos seus xeitos e finuras”

Mozas e rapaces, nenos e maiores, mureses todos, agradézovos de corazón a vosa paciencia ó escoitar estes recordos dun vello que hai xa máis de medio século que aprendeu que Muras era un paraíso. E tivo que agardar todo este tempo para lembralo e contárvolo. Non sei para vós, pero para min valeu ben a pena.

Que vivan sempre as festas de San Pedro e a Virxe da Caridade do Cobre! Vivan os de Muras! E viva o meu paraíso de neno, Viva Muras!


Concello de Ourol

Tanto Ambosores de Muras como Ambosores de Ourol son a mesma parroquia, cunha extensión de 10,6 km². Pertence á diocese de Mondoñedo-Ferrol, se ben administrativamente o seu territorio está dividido en dúas provincias e catro concellos: As Pontes de García Rodríguez, Mañón, Muras e Ourol.

A Gran Enciclopedia Galega atribuíalle unha poboación de  225 habitantes, distribuídos nas aldeas de Ambosores, Baroso, Cabezón, Carcallosa, Cereixiña, Ferraxosa, Fragachá, Iglesia, Outeiro, Ribeira da Señora, Santar, Toxoso e Veira da Fraga, en  Ourol; As Ameixeiras, Mouriscón, Pena de Mouriscón, O Rego, e Santar de Abaixo, de Muras; Casanova e Niño do Azor, en As Pontes; e  Entrambosores e Ribeira do Bispo no de Mañón.

Casa do Concello de Ourol

No Ambosores de Ourol está a igrexa parroquial, construída no lugar dunha antiga ermida de Nosa Señora do Ambosores ou dos Remedios. A parroquia formouse a comezos do século XX con lugares de San Pantaleón de Cabanas, As Grañas, O Freixo e Muras.

 

A primeira Festa do Concello de Ourol

O 3 de abril de 1987 o Concello de Ourol deu comezo á Primeira Festa do Concello. A intención era que esta festa se celebrase anualmente, tendo como lugar central cada parroquia do concello, de xeito rotario.

Non sei se volveu celebrarse. Velaquí o contido do Pregón daquela Festa (03/04/1987), que pronunciei invitado polo Alcalde ourolense Euloxio Xesús Rubert Méndez.

Boa tarde e boa festa, meus veciños de Ourol.

Se de ordinario pretendo sempre ser breve cando falo en público, hoxe quero selo especialmente porque é festa, e na festa o mellor é que soe a música e se escoite o verso máis que a prosa. É tamén porque o que non se diga dunha festa ou dun pobo nun cuarto de hora, non se vai conseguir dicilo en hora e cuarto por moito que un se explique.

Así pois, pretendo que non se alongue moito máis dun cuarto de hora o que diga de Ourol e da súa primeira festa do Concello, os desexos de triunfo para esta iniciativa festeira, as miñas lembranzas do vello Ourol, e o que de Ourol se dixo por quen sabía verdadeiramente falar e entrar na raíz das terras e das xentes.

O voso alcalde e amigo, Euloxio Xesús Rubert Méndez, fíxome a honra de lembrar o meu vencello con Ourol, vencello que non arrinca de min senón de moito máis atrás: de hai 74 anos, cuando meu pai veu a luz primeira nas terras da Ferraxosa, fronte da fervenza do Cal do Macho, nunha terra áspera e dura, á que eu aprendín a querer case desde que nacín.

E dou gracias á invitación que me fixo de pregoar esta primeira vosa Festa do concello, que me permitiu e obrigou a andar atrás no tempo e lembrar aquelas miñas tempadas de neno en Ambosores, onde aprendín a falar e ser verdadeiramente galego

Por vivir nunha vila, a miña fala foi inicialmente castelán.  Pero por pouco tempo. Aquí, en Ourol -e a miña estadía primeira foi cando tiña dezaseis meses-, fun descubrindo un mundo novo. Un mundo onde se vivía e se falaba dun xeito diferente.

Aquí vivín dous ou tres meses cada ano, e aquí descubrin os ritos do lume novo ou da noite de San Xoán, o adornar as casas, as vellas tradicións e lendas, o medo á Santa Compaña… aquí fun monaguillo e case labrego, tirei mollos das medas e carretei cestos de pan…

Camiñei por carreiros cheos de orballo cara a pobos que se chamaban Outeiro ou Santar, Carcallosa ou O Pereiro, A Pena ou Coucegordo… Era un mundo tan diferente ao que estaba afeito a camiñar a cotío, que coido que ese contraste me daba forzas para superar as difíciles probas que para un pequeno vilego comezaban cando tiña que subir a pé por un carreiro desde onde nos deixaba o coche de lña, en Xan Branco, polo sarrón arriba, e baixar por Sebrán… Logo, xa no Sisto, a estrada de novo, que chegaba primeiro ata o Pé da Veiga, logo ata os Campos, A Carcallosa, e a Ambosores por fin

Ourol, a capitalidade do concello, quedaba moi lonxe… Íase moito máis a Viveiro, para onde había estrada case directa: a estrada que sae do Sisto e vén morrer a un par de quilómetros quédame moi nova. Polo que lembro, a Ourol víñase só a ver a don Carlos, o médico, cando non había máis remedio. Bo traballo o que don Carlos tivo comigo cando houbo de amañarme unha grande cortada que me fixen cando intentaba aprender para que servía unha fouciña.

Perdoádeme este comezo tan persoal, pero é a única xustificación que teño de estar hoxe aquí: o ter vivido longas tempadas nesta terra e querela tanto como a queredes vós. Especialmente a un anaco desta terra, a parroquia dos dous Sores, Ambosores, da que tamén teño oído chamar Trambesoles, Trambosoles, e que eu coidaba podía ter tamén relación co Sol. Vicente Risco veu clarexarme o tema cando menciona o seu nome como “Entrambos Sores”, o natural nome en galego. A fala diaria fixo o resto.

E o idioma que hoxe vos falo, xeitoso ou non, aprendino aquí, en Ourol, é o de aquí, con mesturas lóxicas da Terra Chá, e de Lugo capital.  A esta terra, a esta xente, débolle, débovos, ser verdadeiramente galego, e exercer. Pero xa está ben de falar dunha parroquia soa cando hai sete máis no concello, que non podo esquecer e que, precisamente, esta festa que hoxe comeza pretende xuntar cada día máis.

Imos, pois, con Ourol. Chamoume a atención na pescuda que estes días fixen que en boa parte dos lugares onde se menciona este concello faise como Orol e non Ourol. Aparece, si, outro Ourol, aló por Guntín, que non ten nada que ver con este.

E eu, que pensei sempre que Ourol viña de ouro, asómbrome ao comprobar que os especialistas matinan con que aquel Ourol podería corresponder á vella vila de Aurilio, do Condado de Pallares. E que García de la Riega asegura que Ourol viña da voz vasca “Or”, que significa “Can”.

Tentando asegurarme sobre o tema, preguntei a un entendido en lingua se podería proceder do nome do metal máis prezado e respondeume que ao mellor si, pero que sería demasiado fácil. De todos os xeitos, eu prefiro pensar que así sexa. Se os romanos buscaron o ouro en terras de Ourense, e o nome daquela cidade parece querer significalo, que buscaron en Ourol, a onde sen dúbida chegaron cando en Viveiro ou preto del houbo unha importante vila romana?

Nesta zona houbo numerosos achados de obxectos de ouro, non lonxe de aquí hai un río de Ouro, e un Alfoz do Castro de Ouro, e as terras do Valadouro, de onde son precisamente os membros do grupo que vai comezar a festa musicalmente. Algo quererá significar o nome desta terra, e eu quixera que fose Ourol-Terra de Ouro. Non importa que hai centos de anos lle chamasen Aurol… mellor aínda, xa que así se asemella máis ao nome latino deste metal.

Pero cando se fala do ouro como a orixe do nome desta terra, non ten que ser, necesariamente, polo ouro físico, polo cobizado metal. O mestre Cunqueiro pode ser tido en conta cando ao falar desta terra di: “En maio, os montes son de ouro, cos toxais e as xestas”. E, xa o dixera Noriega: “As froliñas dos toxos son de ouro”. Haberá que dicir que o ouro de Ourol está na paisaxe, nas súas terras, nos adornos dunha terra dura e áspera, por veces vizosa e abondosa outras?

Se así fose, ben pouco sabemos hoxe en día deste ouro, cando deixamos morrer tantas aldeas, cando deixamos agoniar tantas casas, cando deixamos que as nosas terras envellezan soas de non dar froito porque non hai quen nelas bote semente.

Vicente Risco fala desta terra coma o "BON PAÍS DE OUROL". Cando fala da Mariña, do entronque da Mariña coa Montaña, cando fala das terras de Mondoñedo e do Valadouro, de Foz e de Viveiro, fala do BON PAÍS DE OUROL. Do bon país de Ambosores, de Bravos, de Cabanas… De Merille, Miñotos, Ourol, Sisto e Xerdiz… Parroquias todas que hoxe se xuntan para a festa.

Mais, que pasou nesta terra ao longo da historia? Ourol foi sempre camiño. Quedaba demasiado preto de Viveiro como para non ser dominado. Máis aínda: Amor Meilán lembra que varias parroquias de Ourol estiveron antes baixo a xurisdición de Viveiro. Aquí, seguíronse os avatares da historia da cercana capital.

Esta sería, segundo cronistas romanos, a terra dos ártabros… Por aquí andarían os romanos movendo as pedras dos ríos para ver de atopar o ouro que arrastraban… Xente desta terra sería a que combateu aos corsarios ingleses en 1325, cando o Rei de Inglaterra se veu logo queixar ao Rei de España dos piratas de Viveiro… De aquí, en fin, iría xente botarlle unha man aos de Viveiro cando en febreiro de 1809 derrotaron aos franceses, e aquí tamén se sufriría despois a cruel revancha dos invasores.

Vázquez Seijas coida que os nomes de Castelo en Miñotos e Torre en Cabanas son testemuña de que en tempos existiron fortalezas nestes lugares… e Madoz fala de restos en Miñotos de vellos conventos.

O que si é seguro é que no ano 1128 o Rei Alfonso VII fixo unha "partilla" para saber a quen correspondían os bens da comarca de Viveiro, se ás autoridades eclesiásticas ou á Coroa. Alí aparece por primeira vez Santa María de Aurol, que era de propiedade eclesiástica. Nacía para a historia a terra de AUROL, OUROL.

E aquí, sen encomendarme a ninguén, dou renda solta á imaxinación ao atopar o dato da existencia da Ermida do Milleiro, dedicada a San Miguel, que se cita nun vello documento como de SAN MIGUEL DE SAURO. Sauro-Saurio. Tería algo que ver cunha vella lenda dunha grande cobra, dun dragón ou monstro similar? Podería ser Aurol-Ourol a terra onde apareceu un gran saurio, coma a Coca de Redondela, ou o dragón da lenda da Lagoa de Cospeito? Perdón pola elucubración tola.

Eu prefiro volver ao ouro, e coidar que a miña terra, a dos meus devanceiros, é terra de ouro, mineral ou vexetal, especialmente vexetal, a dourada terra da riqueza sen conto que nunca soubemos aproveitar.

Hoxe, sodes arredor de 2.500 persoas as que habitades os 240 núcleos de Ourol. Pero eran arredor de 3.600 en 1970, 4.400 no 1060, 5.640 no 1910... Que pasa no meu país?

As xeografías fálannos dunha terra de suavidade térmica pola cercana influencia mariña.  Os escritores fálannos do bo país de Ourol. E o bo país de Ourol foi quedando case baleiro. A miña parroquia, Entrambos Sores, seica non chega agora aos cen habitantes.

Escribía Amor Meilán nas primeiras décadas deste século que o Concello de Ourol tiña a estrada “de Cabreiros a Viveiro, única vía de tal nome con que conta, pois o resto dos camiños non son outra cousa que sendeiros case impracticables en grande parte”.

En tempos, chegar a Ourol era unha aventura. As estradas, o teléfono, as comodidades, chegaron demasiado tarde. Ou abriron os ollos dos meus veciños cara outros xeitos de vida moi diferentes aos seus. E a montaña de Ourol despoboouse rapidamente. Perdera 1.000 habitantes no medio século desde 1910 a 1960, e case outros mil en dez anos ata 1970, e 1.000 máis desde entón…

Na montaña de Ourol nin sequera se dan as circunstancias que o poeta Xoán Manuel Casado di cando fala de O MEU PAÍS:

Tristes eidos de algures,
vieiros para ningures,
o meu pais.
Nas noites de invernía,
dibuxa a súa agonía
nun vello e un rapaz.

Non atopo rapaces na miña montaña cando alí vou. Só vellos, vellas caras amigas que morrerán na terra en que naceron porque non souberon, non ousaron ou non quixeron emigrar.

E volvo pedir perdón, esta vez por falar de temas tristeiros nun día de festa. Pero necesiteino, dunha banda para facerlles un pouco de xustiza ás miñas xentes da montaña, e doutra para mellor falar aínda desta festa que hoxe comeza.

Sentín ledicia cando o voso alcalde me invitou a vir falar. Era un reencontro cos vellos tempos. Ledicia tamén, e moi especialmente, ao saber que esta festa é rotativa, que se pretende teña resonancia en todo o concello, que todo o concello participe, e que tódalas parroquias sexan no seu día escenario dela. Na miña parroquia hai tempo que non hai festa. Alfabeticamente vaille tocar o ano que vén. Prometo a miña asistencia emocionada á primeira festa na que unha parroquia de fóra da capital sexa o centro de todo o concello.

Din os entendidos en temas de Administración de pobos que as provincias son entidades artificiais, que tenden a desaparecer como tales, e aínda algo os concellos porque naceron moitas veces arbitrariamente, sen entronque popular. E asignan ás parroquias, especialmente ás parroquias de Galicia, o mellor dereito como entidades naturais, por ser os núcleos onde verdadeiramente se recoñecen os que delas forman parte. Pero as parroquias evolucionan ou involucionan… E perden moitos dos seus vencellos. Ao mellor agora son os concellos os herdeiros xa de tódolos dereitos naturais das parroquias, especialmente os concellos que, coma este, saben vencellar.

As nosas parroquias quedáronse sen escolas, sen cregos, sen xente… Os concellos aglutinaron durante moito tempo o que as parroquias perderon.

Pode parecer desaxeitado abordar este tema cando se trata, tan só, dunha festa dun concello, pero eu coido que esta festa é moito máis ca isto: É un síntoma, e é un camiño, un sinal de que os tempos están chegando. E eu, case por puro egoísmo, por min e pola miña xente, desexo o maior dos éxitos para esta festa que agora ides empezar.

    E lembro aquelas vellas festas onde todo era ledicia: a explosión de toda a ansia dun ano agardando o momento. Era a demostración de vitalidade dos pobos… Lembro os músicos, chegando nun carro ou a pé cargando cos instrumentos… As orquestras dende o coro acompañando a misa maior, ou desfilando detrás da procesión polo adro. Lembro as poxas polos agasallos ao Santo… Todo o que desapareceu e que non volverá. Porque esta festa ten que ser, vai ser, diferente: con bailes e actuacións culturais, con partido de fútbol dunha selección do concello, con espírito de xuntar parroquias e xentes de todo o territorio de Ourol, que sexa unha festa duradeira, popular, participativa… que cada ano, a parroquia que a reciba, se sinta revivir.

Que o concello teña, cada ano, coa parroquia de que se trate, unha atención especial, para ter aínda máis que celebrar. As parroquias de Ourol necesitan festa para que a xente volva, polo menos por un día.

Cando unha festa morre é sinal de que un pobo morre ou esmorece. Cando unha festa coma esta nace, é sinal de que un pobo quere vivir. E escoller para celebrala a data que, por primeira vez, despois dunha longa ditadura, o pobo escolleu os seus gobernantes, é todo un síntoma. Un síntoma máis.

Os membros do grupo Amado Lar, do Valadouro, van empezar, xa, a festa. Noraboa, Sr. Alcalde, pola idea. Noraboa a todo o concello de Ourol. E remato coa miña teima sobre o nome desta miña terra: Se non hai ouro soterrado, haino na paisaxe e na vexetación. E haino, especialmente, nas vosas festas, nas vosas mans e no voso corazón, boa xente de Ourol, xente dos meus devanceiros, miña xente!

 El Progreso, 03/04/1987

 La Voz de Galicia, 04/04/1987

 La Voz de Galicia, 05/04/1987

 

AMBOSORES, caso especial

Só hai un caso igual en Galicia dunha parroquia -Os Peares- con territorio que pertenza a catro concellos e dúas provincias. Por circunstancias (alí naceu Feijóo, expresidente da Xunta de Galicia ), o caso de Os Peares ten máis sona ca o de Ambosores.

Por iso recollemos a información especial publicada -no xornal e na web- por El Progreso, o 28 de febreiro de 2025:

Un vecino de Lugo y el otro de A Coruña: el curioso caso de la parroquia en la que puedes ser hasta de cuatro concellos (web)